Plan de Banda Larga 2020
O Plan de Banda Larga 2020, aprobado o día 1 de outubro de 2015 en Consello de Xunta, asume os obxectivos establecido na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga de máis de 100Mbps.
Grazas ás actuacións de despregamento de redes de telecomunicacións desenvolvidas ata o momento pola Xunta, conseguiuse acadar unha Comunidade plenamente conectada, con posibilidade de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, e que a metade da poboación dispoña de cobertura de redes de nova xeración de ata 200Mbps.
Non obstante, a rápida evolución das tecnoloxías fai preciso, ademais dunha cobertura universal, velocidades de banda larga moito máis elevadas para garantir o acceso a novos e cada vez máis sofisticados servizos dixitais.
Por este motivo o Goberno galego pon en marcha este Plan que define unha folla de ruta con medidas estruturadas en torno a tres itinerarios: innovación, eficiencia e intelixencia. A primeira das actuacións para impulsar o despregamento de redes de 100Mpbs porase en marcha xa en 2016.