Coroide
Chámase coroide a unha membrana escura e vascular do ollo profusamente irrigada con vasos sanguíneos e tecido conectivo, que se atopa entre a esclerótica e a retina, coa función de nutrir esta e mais o cristalino.[1][2] A parte máis posterior está perforada polo nervio óptico e continúa por diante coa zona ciliar. Á parte da citada función de nutrición, serve tamén para manter a temperatura constante dalgunhas estruturas do globo ocular.[3]
Coroide | |
---|---|
A COROIDE ENTRE AS PARTES DO OLLO: 1: cámara posterior, 2: ora serrata, 3: músculo ciliar, 4: ligamento suspensorio da lente, 5: canle de Schlemm, 6: pupila, 7: cámara anterior, 8: córnea, 9: iris, 10: córtex do cristalino, 11: núcleo do cristalino, 12: corpo ciliar, 13: conxuntiva, 14: músculo oblicuo inferior, 15: músculo recto inferior, 16: músculo recto medial, 17: arterias e veas retinianas, 18: papila (punto cego), 19: duramadre, 20: arteria central retiniana, 21: vea central retiniana, 22: nervio óptico, 23: vea vorticosa, 24: conjuntiva bulbar, 25: mácula, 26: fóvea, 27: esclerótica, 28: COROIDE, 29: músculo recto superior, 30: retina. | |
Latín | Choroidea |
Sistema | Sistema nervioso |
Arteria | Arterias ciliares posteriores curtas e longas |
MeSH | Choroid |
Composición
editarA coroide está formada, de fóra a dentro, por tres capas:[4]
- Capa supracoroidea ou lámina fusca. É unha capa de tecido conxuntivo formada por laminiñas onde se observan fibras elásticas, coláxeno e celularidade representada por melanocitos e fibroblastos, que separa os capilares da esclerótica.
- Estroma ou lámina vasculosa. Ocupa a maior parte e é a propiamente vascular, con ramas ciliares da arteria oftálmica. Presenta fibras nerviosas e vasos, ademais de fibras de coláxeno, fibras elásticas, fibroblastos, macrófagos e melanocitos. En función do seu tamaño e da súa localización, os vasos pódense clasificar en tres capas:
- Capa de Haller: situada externamente e formada polos grandes vasos.
- Capa de Sattler: capa media, formada por vasos medianos.
- Capa de Ruysch ou coriocapilar interna: formada por arteriolas capilares e vénulas. Os capilares están moi unidos uns a outros. Nutre o epitelio pigmentario da retina.
- Lámina vítra de Bruch. Está en íntima relación coa retina. Relaciónase coa retina a través da súa superficie interna ou retiniana, entanto que a súa superficie externa é a porción coroide.
Nos humanos, a coroide presenta unha pigmentación escura debido á presenza de melanina e unha grande abundancia de vasos sanguíneos, o que axuda a absorber luz que chega ao ollo e previr así a súa reflexión (que carrexaría a formación de imaxes confusas). A mala visión dos albinos débese á falta de melanina nesta membrana. Noutros animais atópanse partículas reflectoras sobre a coroide para axudar a recoller luz en ambientes de escuridade, o chamado tapetum lucidum.
O efecto de ollos vermellos nas fotografías débese á reflexión da luz sobre a coroide. Aparece de cor vermella debido aos vasos sanguíneos na úvea.
Notas
editar- ↑ Ver a entrada "coroide". No Dicionario de Termos Médicos da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. 2002.
- ↑ Retina Arquivado 20 de decembro de 2016 en Wayback Machine.. En UFHealth. The University of Florida Health System. [En inglés]
- ↑ Coroides. En University of Maryland Medical Center. [En castelán e en inglés]
- ↑ Coroides. En EcuRed. [En castelán]