Asemblea Xeral de Carolina do Sur
Asemblea Xeral de Carolina do Sur | |
---|---|
Tipo | parlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo |
Sede | Capitólio Estadual da Carolina do Sul |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
https://www.scstatehouse.gov/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Asemblea Xeral de Carolina do Sur (en inglés, South Carolina General Assembly) é o parlamento de Carolina do Sur, nos Estados Unidos. Conta cun total de 170 lexisladores elixidos por sufraxio universal e que integran o Senado e a Cámara de Representantes. A sede está na capital estatal, Columbia, no edificio da Casa Estatal.
Composición
[editar | editar a fonte]A Asemblea Xeral de Carolina do Sur ten unha estrutura bicameral compóndose de:[1]
- Senado: está integrado por 46 senadores escollidos por mandados de 4 anos. Para poder ser escollido senador cómpre ter 25 anos de idade, polo menos, ser votante do estado e residir no distrito polo que se concorre.
- Cámara de Representantes: formada por 124 membros electos cada dous anos. Os candidatos deben ter 21 anos, residir no distrito polo que se presenta e ter dereito de voto no estado.
O sistema electoral para escoller aos membros da Asemblea Xeral é maioritario e uninominal, deste xeito, o estado está dividido en tantos distritos como membros teñen as cámaras. Aqueles que tivesen penas por delitos graves, fraude electoral ou suborno, son inelixibles para ningunha das dúas cámaras, a non ser que transcorresen 15 anos dende entón.
Competencias
[editar | editar a fonte]A Constitución de Carolina do Sur, aprobada en 1895, confírelle á Asemblea Xeral o poder lexislativo do estado.[2] Ambas as dúas cámaras teñen a posibilidade de iniciar o proceso lexislativo cando un dos seus membros fai unha proposta de lei. Na redacción da proposta participa o Consello Lexislativo da Asemblea, para garantir que cumpre os requirimentos legais. Posteriormente, preséntase ante a cámara, logo da súa lectura o presidente derívaa a unha comisión concreta segundo a cuestión que aborde. Na comisión faise un estudo da proposta e convídase a lexisladores e axentes públicos para valorala. O comité ou comisión pode aprobar o proxecto tal e como se presentou ou emendalo, ou rexeitalo e rematar coa iniciativa. Superada esta fase, a proposta de lei é obxecto de debate no pleno da cámara para logo ser votada. Aprobada pola cámara orixinal, envíase á outra, onde o proxecto seguirá as mesmas fases, podendo ser modificada. Se a segunda cámara vota modificacións deberá ser tamén votada na cámara orixinal. Se esta rexeita os cambios, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado.[3] O gobernador do estado pode vetar unha lei aprobada pola Asemblea Xeral, mais esta pode revogalo se así votan dous terzos dos representantes e dos senadores.[4]
Ademais, a Asemblea Xeral reúnese de forma conxunta para nos nomeamentos xudiciais no Tribunal Supremo do estado ou para recibir as mensaxes do gobernador.[5][6]
Historia
[editar | editar a fonte]O 24 de marzo de 1776, o Congreso Provincial dos colonos de Carolina do Sur, no contexto da independencia dos Estados Unidos, aprobou unha constitución que outorgou o poder lexislativo a dúas cámaras: a baixa era a Asemblea Xeral, e a alta, chamada Consello Lexislativo, era electa pola pola primeira.[7] Poucos anos máis tarde, o 19 de marzo de 1778, redactouse unha nova constitución na que xa se recoñecía como estado a Carolina do Sur e que estableceu a actual estrutura do poder lexislativo: exercido pola Asemblea Xeral que se forma polo Senado e a Cámara de Representantes.[8]
Pierce Butler, Charles Pinckney, Charles Cotesworth Pinckney e John Rutledge, foron os delegados enviados por Carolina do Sur á convención que elaborou a Constitución dos Estados Unidos e todos eles foron membros da Asemblea Xeral en diversos momentos da súa carreira política.[9][10] A Asemblea Xeral de Carolina do Sur tivo unha maioría de afroamericanos entre os seus membros en 1868, logo da Guerra Civil.[11][12] Doutra parte, a primeira muller membro da Asemblea Xeral foi Mary Gordon Ellis, senadora estatal entre 1929 e 1933.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "South Carolina State House: What Does the Legislature Do?". www.scstatehouse.gov. Consultado o 2022-09-24.
- ↑ "Article III: Legislative department. Constitution of South Carolina" (PDF). South Carolina State House.
- ↑ McKinney, Sandra K. (1990). South Carolina's Legislative process (PDF).
- ↑ South Carolina's legislative process (PDF). 2016. p. 33.
- ↑ "Article V: the judicial department. Section 3: Election of members of Supreme Court. South Carolina Constitution" (PDF). South Carolina State House.
- ↑ "Article IV: the executive department. Section 18: Duty of Governor to give information to General Assembly. South Carolina Constitution" (PDF). South Carolina State House.
- ↑ "Constitution of South Carolina - March 26, 1776". The Avalon Project. Yale School of Law.
- ↑ "Constitution of South Carolina - March 19, 1778". The Avalon Project. Tale School of Law.
- ↑ "Butler, Pierce". South Carolina Encyclopedia (en inglés). Consultado o 2022-09-24.
- ↑ "The Founding Fathers: South Carolina". National Archives (en inglés). 2015-11-06. Consultado o 2022-09-24.
- ↑ Sanchez, Adam. "The Other ’68: Black Power During Reconstruction". Zinn Education Project (en inglés). Consultado o 2022-09-24.
- ↑ "South Carolina’s Remarkable Democratic Experiment of 1868". We're History (en inglés). 2018-03-16. Consultado o 2022-09-24.
- ↑ Littlefield, Valinda W. (2020-12-30). 101 Women Who Shaped South Carolina (en inglés). Univ of South Carolina Press. ISBN 978-1-64336-160-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web da Asemblea Xeral de Carolina do Sur (en inglés)