Saltar ao contido

BAC Jet Provost

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
BAC Jet Provost
Tipoadestramento militar
Primeiro voo26 de xuño de 1954
Introducido1955
Principais usuariosRoyal Air Force
Produción1958 - 1967
Unidades construídas734
VariantesBAC Strikemaster

O BAC Jet Provost é un avión de adestramento británico que estivo en uso coa Royal Air Force (RAF) dende 1955 ata 1993. Foi desenvolvido orixinalmente por Hunting Percival a partir do anterior adestrador básico de pistóns Percival Provost, e posteriormente producido por British Aircraft Corporation (BAC). Ademais dos múltiples pedidos da RAF, o Jet Provost, ás veces con armamento lixeiro, foi exportado a moitas forza aéreas de todo o mundo. O deseño tamén foi desenvolvido nunha variante de ataque terrestre máis armada baixo o nome de BAC Strikemaster.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

A principios de 1951 Hunting Percival comezou a traballar nos estudos de deseño que finalmente levarían ao Jet Provost.[1] Nese momento, a empresa estaba en proceso de establecer a produción en masa para o anterior adestrador básico Percival Provost con motor de pistóns, pero tiña previsto que a demanda dun avión de adestramento a reacción estaría no horizonte. O equipo de deseño tiña como obxectivo producir un avión capaz de igualar as características de manexo dos cazas a reacción operativos da época, e que á vez que posuíse velocidades de aproximación e parada modestas e seguise sendo sinxelo de manexar, en lugar de pretender obter o máximo rendemento.[1]

A principio do proceso de deseño, producíronse unha serie de comunicacións cada vez máis frecuentes co Comando de Adestramento de Voo da RAF, que axudou a valorar as consideracións necesarias para ter éxito en aspectos do deseño da aeronave proposta, como procesos de instrución e requisitos de mantemento.[1] Durante o desenvolvemenoto Hunting Percival reutilizou intencionadamente o maior número posible de compoñentes e subsistemas existentes do Percival Provost, incluíndo as superficies de cola, os planos principais e as patas principais do tren de aterraxe, para acelerar o desenvolvemento ata a fase do prototipo.[1] O traballo de deseño inicial realizouse como unha empresa privada, independentemente de calquera necesidade de servizo. En marzo de 1953 estivo dispoñible o patrocinio do goberno británico para apoiar o desenvolvemento como resultado do interese do Ministerio de Abastecemento.[1] Ese mesmo mes, recibiuse un pedido de Jet Provosts para probas de servizo.[2]

Prototipos e avaliación

[editar | editar a fonte]
Prototipo do Jet Provost

O 26 de xuño de 1954 o prototipo XD674 realizou o seu voo de estrea dende a fábrica no aeroporto de Luton, pilotado por Dick Wheldon.[1] Durante os tres días seguintes realizáronse unha serie de sete voos en rápida sucesión. A principios de novembro de 1954, un total de 123 horas de voo foran acumuladas polo prototipo durante o propio programa de probas de voo de Hunting Percival, tras o cal o prototipo foi enviado para as probas oficiais na RAF Boscombe Down.[1] Aínda que as probas demostraron que o rendemento xeral do Jet Provost era satisfactorio, realizáronse melloras, como acurtar as patas do tren de aterraxe para unha rodaxe máis suave cando se despregaba en pistas de aterraxe semipreparadas.[1]

O 19 de febreiro de 1955 o primeiro dos dez avión de pre-produción, designado como Jet Provost T1, realizou o seu voo de estrea.[1] En maio de 1955 tres dos avións de pre-produción foron asignados á primeira fase das probas de servizo coa Escola Central de Voo (CFS) da RAF para determinar o valor do Jet Provost na función de adestrador e desenvolver un temario para o programa de formación. Durante a segunda fase das probas coa CFS usando os mesmos tres aparellos, estudantes reais voaron o tipo con fins de avaliación práctica en RAF Hullavington ata a conclusión exitosa das probas o 2 de xullo de 1956.[3] Segundo os comentarios dos examinadores da CFS, o Jet Provost mellorara notablemente o rendemento dos estudantes durante a súa implantación de proba.[4]

Máis desenvolvementos

[editar | editar a fonte]
Jet Provost T5a en formación cun Percival Provost T1

Como resultado dos ensaios realizados cos avións de pre-produción, Hunting Percival procedeu a desenvolver e incorporar varias melloras diferentes no deseño. Entre os cambios realizados estaba un suavizado xeral das liñas da fuselaxe, a substitución dos sistemas hidráulicos por equivalentes pneumáticos, e a incorporación dunha aleta dorsal; o novo modelo foi redesignado como o Jet Provost T2.[4] O 1 de setembro de 1955 o primeiro Jet Provost T2 realizou o seu voo de estrea. Esta variante usouse só para traballos de desenvolvemento; ademais de ver uso en Hullavington, tres Jet Provost T2 foron enviados ao estranxeiro para probas de inverno en Escandinavia e para unha serie de xiras de vendas por Europa, Canadá, Estados Unidos e Suramérica.[4]

En xuño de 1957 realizouse un pedido de produción polos primeiros 40 exemplares da variante Jet Provost T3, que contaba con reactores máis potentes Armstrong Siddeley Viper, asentos exectables, un redeseño da fuselaxe, e unha versión acurtada e reforzada do tren de aterraxe en triciclo retráctil.[1] Percival construíu un único exemplar que foi usado exclusivamente para probas estruturais ao longo das fases de desenvolvemento, dando aos deseñadores unha valiosa investigación sobre o que se podería conseguir co deseño básico.[5] O 22 de xuño de 1958 o primeiro Jet Provost T.3 realizou o seu voo de estrea. En total, entre 1958 e 1962 entregáronse 201 T3.[6] O T4 apareceu en 1960, equipado cunha variante máis potente do motor Viper, e voou por primeira vez o 15 de xullo. Este foi seguido polo presurizado T5 en 1967.[7] O T51 era unha versión armada de exportación, vendida a Ceilán (no presente Sri Lanka), Kuwait e Sudán. Esta variante estaba armada con dúas metralladoras de 7,7mm. O T52 era outra versión de exportación vendida a Iraq, Iemen do Sur, Sudán e Venezuela, co mesmo armamento que o T51. O T55 foi o derradeira versión armada que foi vendida a Sudán. Desenvolveuse unha variante da fuselaxe máis armada como BAC Strikemaster.

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Flight International 13 de xuño de 1958, p. 795
  2. Flight International, 6 de maio de 1955, p. 587
  3. Flight International 13 de xuño de 1958, pp. 795-796
  4. 4,0 4,1 4,2 Flight International 13 de xuño de 1958, p. 796
  5. Flight International 13 de xuño de 1958, pp. 796-798
  6. "Jet Provost". www.baesystems.com. Consultado o 2024-04-28. 
  7. "The Jet Provost T.5". Flight International. 9 de marzo de 1967. p. 379

Bibliografía

[editar | editar a fonte]