Eduard von Zambaur
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de maio de 1866 Cracovia, Polonia |
Morte | 10 de outubro de 1947 Graz Austria |
País de nacionalidade | Austríaca |
Educación | Academia Militar Teresiana. |
Actividade | |
Campo de traballo | Exército, orientalismo e numismática. |
Ocupación | numismático, profesor universitario |
Empregador | Academia Militar Theresiana (pt) |
Premios | |
- (1928): Medalla Huntington. - (1947): Medalla da RNS. |
Eduard Karl Max Ritter von Zambaur, nado o 11 de maio de 1866 en Podgórze, Cracovia, e finado o 10 de outubro de 1947 en Graz, foi un orientalista, numismático e oficial do exército austríaco.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como militar
[editar | editar a fonte]Eduard von Zambaur era fillo dun xeneral do exército austríaco. Logo de recibir a súa educación secundaria militar inferior en Koszeg (actualmente en Hungría) e a superior en Hranice (hoxe na R. Checa), von Zambaur asistiu entre 1880 e 1883 á Academia Militar Teresiana en Wiener Neustadt. En agosto de 1886 acadou o grao de tenente e en 1890 o de tenente primeiro.[2]
De 1890 a 1893 foi instrutor na escola de cadetes de Viena,[2] desde 1897 na Academia Militar Teresiana e a partir de 1913 na Escola Militar de Maribor.
Paralelamente á súa actividade militar, entre 1890 e 1895 frecuentou a Academia Real e Imperial de Linguas Orientais (Kaiserlich-königliche Akademie für Orientalische Sprachen) en Viena, onde aprendeu árabe, turco e persa.[2]
Durante a primeira guerra mundial foi o representante militar do Imperio Austrohúngaro en Constantinopla.[2] En 1917 foi ascendido ao rango de coronel e dous anos despois retirouse do servizo activo. Con todo, entre 1920 e 1925 foi o responsable do servizo de tradución da sección austríaca da Comisión Interaliada de Reparacións.
Como orientalista e numismático
[editar | editar a fonte]Os intereses de von Zambaur como orientalista non se limitaron ao coñecemento das linguas orientais, senón a aspectos históricos e numismáticos dos pobos da área islámica.[2]
As moedas que adquiriu durante unha viaxe a París, entre as que había algunha de orixe persa, foron a base do seu interese pola moeda oriental, non só no relativo ao seu estudo senón tamén como coleccionista. O seu artigo de 1915 "Nouvelles contributions à la numismatique orientale"[3] tivo moita repercusión nos círculos numismáticos da época e abriulle as portas para ser considerado unha autoridade na numismática do mundo islámico.[2]
Ao seu regreso a Austria logo do seu retiro como representante militar en Constantinopla, en outono de 1918, unha boa parte da súa colección de moedas perdeuse preto da fronteira austríaca en Galicia, e os exemplares que conservou viuse na obriga de venderllos ao Museo de Historia da Arte de Viena, por mor das dificultades económicas que padecía. Nesta época foi cando escribiu o traballo máis salientable da súa traxectoria: Manuel de généalogie et de chronologie pour l’histoire de l’Islam.[4][5]
En 1901 ingresou na Sociedade Numismática Austríaca e en 1929 foi elixido o seu presidente, posto que mantivo ata pouco antes da súa morte, en 1947.[6]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Condecoracións militares
[editar | editar a fonte]- (1908): Cruz Militar do Xubileu.
- (1898): Medalla Militar do Xubileu.
- Medalla ao Mérito Militar (bronce e prata).
- Cruz do Mérito Militar, clase III.
- Cabaleiro da Orde Imperial da Coroa de Ferro, clase III.
Premios numismáticos
[editar | editar a fonte]- (1928): Medalla Huntington, da American Numismatic Society, de Nova York.[7]
- (1947): Medalla da Royal Numismatic Society, de Londres.[8]
Publicacións
[editar | editar a fonte]- (1927). Manuel de généalogie et de chronologie pour l'histoire de l'Islam. H. Lafaire, Hannover.
- (1968). Die Münzprägungen des Islams. Zeitlich und örtlich geordnet. 1. vol.: Der Westen und Osten bis zum Indus mit synoptischen Tabellen (editado por P. Jäckel). F. Steiner, Wiesbaden.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Eduard von Zambaur, 1866-1947". Institut dominicain d'études orientales.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Osman Gazi Özgüdenli (2013). Páxina 116.
- ↑ Von Zambaur, E. (1915). "Nouvelles contributions à la numismatique orientale". En Numismatische Zeitschrift. 47. Páxinas 115-190.
- ↑ Véxase (1927) en "Publicacións".
- ↑ Osman Gazi Özgüdenli (2013). Páxina 117.
- ↑ Osman Gazi Özgüdenli (2013). Páxinas 116-117.
- ↑ "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Demel, H. (1949). “Eduard Ritter von Zambaur”. En Numismatische Zeitschrift. 73. Páxinas 154-155.
- Osman Gazi Özgüdenli. (2013). "Zambaur, Eduard Ritter von (1866-1947). Avusturyali nümismat ve sarkiyatçi". En Islâm Ansiklopedisi. Páxinas 116-117.
- Weber, C. (2004). Das Militär-Jubiläumskreuz: Die Ritter von Zambaur und der Offiziersadel in der Donaumonarchie (1800-1918/45). Kovac, Hamburgo. Páxinas 264-284. ISBN 978-3830015574