Erik Erikson
Erik Homburger Erikson, nado como Erik Salomonsen en Frankfurt o 15 de xuño de 1902 e finado en Harwich (Massachusetts) o 12 de maio de 1994, foi un psicanalista estadounidense de orixe alemá destacado polas súas contribucións á psicoloxía do desenvolvemento. É célebre por cuñar a frase crise de identidade.
A persar de non ter unha licenciatura, Erikson foi profesor en institucións destacadas, como Harvard, a Universidade de California en Berkeley,[1] e Yale. Un estudo da Review of General Psychology publicado en 2002, cualificou a Erikson como o 12.º psicólogo máis citado do século XX.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A nai de Erikson, Karla Abrahamsen, procedía dunha prominente familia pobo xudeu de Copenhague. Estaba casada cun corretor de bolsa xudeu, Valdemar Isidor Salomonsen, mais estivera separada del durante varios meses no tempo en que Erik foi concibido. Pouco se sabe do pai biolóxico agás que era un dinamarqués non xudeu. Cando descubriu o embarazo, Karla fuxiu a Frankfurt, en Alemaña, onde Erik naceu o 15 de xuño de 1902 e recibiu o apelido Salomonsen.[3] A identidade do pai nunca foi aclarada.[1]
Tralo nacemento do neno, Karla preparouse para ser enfermeira e mudouse a Karlsruhe. En 1905 casou con pediatra xudeu de Erik, Theodor Homburger. En 1908, o nome Erik Salomonsen foi cambiado a Erik Homburger, e en 1911 foi adoptado oficialmente polo seu padrasto.[4] Karla e Theodor dixeron a Erik que Theodor era o seu pai real, e só revelaron a verdade ao final da súa infancia; el quedou amargado polo engano toda a súa vida.[1]
Despois de finalizar a secundaria, Erik decidiu ser artista. Cando non asistía a clases de arte, vagaba por Europa, visitando museos e durmindo baixo as pontes. Viviu unha vida de rebelde descoidado durante moito tempo, xusto antes de pensar seriamente que ía facer coa súa vida.
Cando cumpriu os 25 anos, un amigo seu, Peter Blos[1] (artista e máis adiante tamén psicanalista), suxeriulle que se presentase a unha praza de mestre nunha escola experimental para estudantes estadounidenses dirixida por Dorothy Burlingham, amiga de Anna Freud.[5] Ademais de ensinar arte, logrou un certificado en educación Montessori e outro da Sociedade Psicanalítica de Viena. Foi psicanalizado pola propia Anna Freud.
Cando os nazis tomaron o poder, abandonaron Viena e foron primeiro a Copenhague e logo a Boston. Erikson aceptou un posto de traballo na Escola de Medicina de Harvard e practicou a psicanálise de nenos na súa consulta privada. Nesa época logrou relacionarse con psicólogos da importancia de Henry Murray e Kurt Lewin, así como cos antropólogos Ruth Benedict, Margaret Mead e Gregory Bateson. Estes autores exerceron grande influencia na obra de Erikson.
Posteriormente deu clases en Yale e logo na Universidade de California en Berkeley. Foi durante este período cando Erikson realizou os seus estudos sobre os pobos lakota e os yurok. Cando obtivo a cidadanía estadounidense, adoptou oficialmente o nome de Erik Erikson.
En 1950 escribiu Childhood and Society, libro que contiña artigos dos seus estudos das tribos norteamericanas, análises de Maxim Gorki e Adolf Hitler, así como unha discusión da «personalidade estadounidense» e as bases argumentais da súa versión sobre a teoría freudiana. Estes temas (a influencia da cultura sobre a personalidade e a análise de figuras históricas) repetíronse noutros traballos, un dos cales, Gandhi's Truth, obtivo o Premio Pulitzer e o Premio Nacional do Libro.
Durante o reinado de terror do senador Joseph McCarthy en 1950, Erikson abandonou Berkeley cando se pediu aos profesores que asinasen un «compromiso de lealdade». A partir dese momento, Erikson pasou dez anos traballando e ensinando nunha clínica de Massachusetts e posteriormente outros dez anos máis de volta en Harvard. A partir da súa xubilación en 1970, non deixou de escribir e investigar durante o resto da súa vida.
Erikson faleceu o 12 de maio de 1994 en Harwich, Massachusetts, e foi enterrado no cemiterio da Primeira Igrexa Congregacional da localidade.[6]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Erikson casou coa psicóloga estadounidense nada no Canadá Joan Erikson (nada como Sarah Lucretia Serson) en 1930 e permaneceron xuntos ata a morte del.[7]
O matrimonio tivo catro fillos:
- Kai T. Erikson, sociólogo
- Jon Erikson
- Sue Erikson Bloland, "psicoterapeuta e psicanalista integral",[8] que describiu o seu pai como cheo de "sentimentos duradeiros de insuficiencia persoal".[9][10]
- Neil Erikson.
Obras
[editar | editar a fonte]- Childhood and Society (1950)
- Young Man Luther: A Study in Psychoanalysis and History (1958)
- Insight and Responsibility (1966)
- Identity: Youth and Crisis (1968)
- Gandhi's Truth: On the Origins of Militant Nonviolence (1969)
- Life History and the Historical Moment (1975)
- Adulthood (libro editado, 1978)
- Vital Involvement in Old Age (con J. M. Erikson e H. Kivnick, 1986)
- The Life Cycle Completed (con J. M. Erikson, 1987)
Coleccións
[editar | editar a fonte]- Identity and the Life Cycle. Selected Papers (1959)
- "A Way of Looking at Things – Selected Papers from 1930 to 1980, Erik H. Erikson" editado por S. Schlein, W. W. Norton & Co, Nova York, (1995)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Erik Erikson". Encyclopedia. 2018.
- ↑ Haggbloom et al. 2002.
- ↑ Friedman 2000, p. 29.
- ↑ "Erik H. Erikson". Sweet Briar, Virginia: Sweet Briar College. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2013. Consultado o 30 de agosto de 2013.
- ↑ Hoare 2002, p. 9.
- ↑ Scribner's Encyclopedia of American Lives
- ↑ Thomas, Robert McG., Jr. (8 de agosto de 1997). "Joan Erikson Is Dead at 95; Shaped Thought on Life Cycles". The New York Times. Consultado o 30 de agosto de 2013.
- ↑ Erikson Bloland, Sue (2015). Zan Boag. "Show Me a Hero and I Will Write You a Tragedy". New Philosopher (10). ISSN 2201-7151. Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2017. Consultado o 20 de outubro de 2017.
- ↑ Orixinal en inglés: "Lifelong feelings of personal inadequacy".
- ↑ Leiter, Robert (29 de novembro de 1999). "The Corrosive Nature of Fame". Jewish World Review. Consultado o 20 de outubro de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- El ciclo vital completado. Barcelona: Ediciones Paidós Ibérica. 2000. ISBN 84-493-0939-5.
- Infancia y sociedad. Buenos Aires: Horme-Paidós. 1983. ISBN 950-618-000-8.
- Sociedad y Adolescencia. Buenos Aires: Editorial Paidós. 1972.
- Identidad, Juventud y Crisis. Editorial Paidós. 1968, 1974.
- Friedman, Lawrence Jacob (2000). Identity's Architect: A Biography of Erik H. Erikson. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press. ISBN 978-0-674-00437-5.
- Haggbloom, Steven J.; Warnick, Renee; Warnick, Jason E.; Jones, Vinessa K.; Yarbrough, Gary L.; Russell, Tenea M.; Borecky, Chris M.; McGahhey, Reagan; Powell, John L., III; Beavers, Jamie; Monte, Emmanuelle (2002). "The 100 Most Eminent Psychologists of the 20th Century". Review of General Psychology 6 (2): 139–152. ISSN 1939-1552. doi:10.1037/1089-2680.6.2.139. Consultado o 20 de outubro de 2017.
- Hoare, Carol Hren (2002). Erikson on Development in Adulthood: New Insights from the Unpublished Papers. Nova York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-513175-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en Frankfurt
- Nados en 1902
- Finados en 1994
- Psicanalistas dos Estados Unidos de América
- Profesores da Universidade de California, Berkeley
- Profesores da Universidade Harvard
- Profesores da Universidade Yale
- Estadounidenses de ascendencia alemá
- Estadounidenses de ascendencia dinamarquesa
- Estadounidenses de ascendencia xudía