Saltar ao contido

Harad

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Harad

No legendarium de J. R. R. Tolkien, Harad (Sindarin: «Sur»; en Quenya: Hyarmen) é o nome dado ás grandes terras ó sur de Gondor e Mordor. Ó leste de Harad está situada a terra de Khand. Os homes de Harad eran chamados Haradrim, «multitude do sur».

As tribos de Harad estaban divididas, polo menos para os homes do noroeste da Terra Media, no Harad próximo e Harad distante, aínda que en realidade había moitas tribo haradrim, moitas veces hostís entre si. Os habitantes do Harad próximo eran de pel morena, con pelo negro e ollos escuros, mentres que os poboadores do Harad distante eran de pel negra.

A partir de finais da Segunda Idade, moitos dos homes de Harad estaban dominados polos homes de Númenor, como moitos pobos ó longo da costa. Pouco despois da Guerra da Última Alianza, dous señores de Númenor, chamados Herumor e Fuinur, conseguiron gran poder entre os haradrim, pero a súa sorte non quedou rexistrada.

Durante moitos séculos da Terceira Idade do Sol, moitos dos haradrim aínda estaban gobernados polos númenóreanos negros, ou máis ó norte polos reis de Gondor, pero finalmente Harad caeu baixo a influencia de Mordor durante a maior parte da idade.

A maioría do Harad distante era selva, pero tamén había un deserto. No Harad distante vivían animais xigantescos semellantes ós mamuts, coñecidos como olifantes, os cales eran empregados polos haradrim como torres de combate.

O Harad próximo formou unha alianza cos corsarios de Umbar, e víronse envoltos nunha serie de batallas continuas contra Gondor pola posesión do sur do reino, Harondor. Antigamente a súa fronteira setentrional atopábase no río Harnen, pero na época da Guerra do Anel, toda a terra ó sur do río Poros estaba baixo o dominio dos haradrim.