Saltar ao contido

Huldrych Zwingli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHuldrych Zwingli

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(gsw) Ulrich Zwingli Editar o valor en Wikidata
1 de xaneiro de 1484 Editar o valor en Wikidata
Wildhaus, Suíza (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte11 de outubro de 1531 Editar o valor en Wikidata (47 anos)
Kappel am Albis, Suíza (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorto en combate Editar o valor en Wikidata
Antistes (en) Traducir
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCalvinismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Viena
Universidade de Basilea Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónteólogo, reformador protestante, escritor, sacerdote, tradutor, predicador Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoSecond War of Kappel (en) Traducir
Guerras italianas Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeAnna Reinhart Editar o valor en Wikidata
FillosRegula Gwalther-Zwingli, Wilhelm Zwingli, Huldrich Zwingli, Anna Zwingli Editar o valor en Wikidata
IrmánsJakob Zwingli
Andreas Zwingli
Klaus Zwingli
Heini Zwingli Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteAllgemeine Deutsche Biographie
Dictionnaire infernal
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1166132 Discogs: 3593385 WikiTree: Zwingli-5 Editar o valor en Wikidata
Retrato de Ulrico Zwingli por Hans Asper, contra 1531.

Huldrych ou Ulrich Zwingli,[1] nado en Wildhaus o 1 de xaneiro de 1484 e finado en Kappel am Albis o 11 de outubro de 1531, foi o líder da reforma protestante suíza e o fundador da Igrexa Reformada Suíza. Ao estudar as Escrituras dende o punto de vista dun entendido humanista, chegou, de xeito independente, a conclusións similares ás de Lutero, que era un doctor biblicus.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]
Casa natal de Zwingli en Wildhaus

Cursou a educación básica en Weesen, baixo a tutela do seu tío Bartolomeo. Antes de ir á universidade de Viena, cursou algúns estudos en Berna. Chegou a Viena en 1499 e máis tarde se inscribiu na universidade de Basilea, onde fixo un posgrao en 1504 e un doutoramento en 1506.

Presbiterado

[editar | editar a fonte]

Zwingli foi presbítero en Glarus, tras graduarse como doutor en teoloxía (1506). Alí estudou grego e hebreo, leu a Erasmo de Rotterdam e chegou á conclusión de que moitas das doutrinas da Igrexa católica estaban en contradición coas ensinanzas do Novo Testamento.

Xilografía de Ulrich Zwingli por Hans Asper, ca. 1531.

Zwingli desenvolveu á súa aversión ao servizo mercenario dos seus compatriotas durante este período. A partir de 1512, a Confederación Suíza enviaba diversos continxentes armados a soldo do Papa para loitar contra a coroa francesa na Lombardía durante a guerra da Liga de Cambrai. Zwingli foi testemuña dos sucesos ao ser capelán do continxente do cantón de Glaris,[2] asistindo ás vitorias de Pavia e Novara, mais tamén á derrota sufrida polos confederados en Marignano, a partir da cal se acentuou a súa prédica contra o servizo armado.

A reforma protestante

[editar | editar a fonte]

O 31 de outubro de 1517, Martiño Lutero cravou na porta da igrexa de Wittenberg, Alemaña, as súas 95 teses sobre a relixión cristiá, nas que atacaba profundamente a Igrexa católica.

Pouco antes, en 1516, Diebold de Geroldseck chamouno para predicar na abadía de Einsiedeln, co que Zwingli entrou en contacto cun dos centros máis activos de peregrinación e tamén de supersticións. Comezou así a súa predicación contra estas prácticas e contra o negociante de indulxencias Bernardin Samson, que chegara a Suíza a instancias do Papa en 1518.

Predicou así mesmo contra o costume dos suízos de alistarse como mercenarios ás ordes do Papa, o que lle proporcionou o cargo de predicador en Zürich, cun goberno que estaba enfrontado coa autoridade romana. O 1 de xaneiro de 1519 comezou a súa actividade en Zürich, onde co seu discurso claro e directo foi explicando aos fregueses os evanxeos. O goberno da cidade decidiu apoiar as novas ensinanzas e dispuxo en 1520 que todos os predicadores actuasen seguindo as pautas de Zwingli.

En 1522 Zwingli publicou a súa primeira obra reformadora, dirixida contra o xaxún propugnado pola Igrexa de Roma. Defendeu así un acontecemento real no que, ao parecer, un amigo del comera carne durante o período de xaxún, o cal xustificou Zwingli co argumento de que o xaxún ía contra a fe cristiá. Da mesma época é un escrito enviado por el e dez dos seus compañeiros ao bispo de Constanza, no que afirmaban a súa disposición a seguir predicando segundo os Evanxeos e pedían a supresión do celibato. O papa Hadrián VI intentou convencelo de que non emprendese novas accións que atentasen contra a substancia da teoloxía católica.

Ante a acusación dos dominicanos de que Zwingli propagaba a herexía, o concello da cidade de Zürich convocou para o 29 de xaneiro de 1523 un elevado número de teólogos a un debate público (Primeira Disputa de Zürich), en que se debía discutir sobre as teses defendidas por Zwingli. A ela acudiron 600 persoas entre clérigos e leigos e, posto que os enviados do bispo só puideron facer valer no seu favor a tradición e as disposicións dos concilios, o concello decidiu adxudicar a Zwingli a vitoria dialéctica.

Iconoclasia en Zürich en 1524.

Non foi esa, porén, a única disputa oficial e pública que se celebrou en Zürich. Entre o 26 e o 29 de outubro de 1523 dirimiuse, en presenza de 900 asistentes, a necesidade de suprimir as imaxes das igrexas, decisión que acabou por adoptarse e que se puxo en práctica dun xeito paulatino. Así mesmo, entre o 13 e o 14 de xaneiro de 1524 o tema tratado foi a misa e a súa posible supresión, o que finalmente se estableceu.

Ese mesmo ano Zwingli casou coa viúva Anna Reinhard, coa que vivía de xeito marital dende había algún tempo.

A Reforma en Zürich non afectou, non obstante, só á relixión, senón que, ao igual que noutros movementos reformistas da época, se trataba dunha serie de medidas de regulación social coas que o concello pretendía organizar o sistema escolar, o matrimonio, os costumes etc. O papel de Zwingli é capital neste proceso, pois se ben non asumiu ningún cargo orgánico, o seu carisma e o seu predicamento entre o pobo convertérono nunha figura determinante do proceso.

Zwingli publicou en 1525 a súa confesión de fe (Da verdadeira e a falsa relixión). A súa teoloxía, coincidente coa de Lutero en moitos aspectos básicos, operou dun xeito máis radical noutros, como pode ser a cuestión da eucaristía, ao rexeitar Zwingli a presenza real de Cristo na comuñón. A partir de 1525, a Reforma en Zürich completouse:

  • adminístrase a Eucaristía baixo as dúas especies,
  • súprimese a misa,
  • eliminánse as imaxes das igrexas,
  • decrétase a supresión do celibato sacerdotal,
  • establécese e regúlase unha beneficencia para os pobres, financiada cos fondos obtidos da secularización de bens eclesiásticos.

Ese ano de 1525 fundouse así mesmo na igrexa Grossmünster unha escola para teólogos, onde poderían aprender exexese bíblica, que logo empregarían nos seus sermóns ao pobo.

Importante na teoloxía de Zwingli é tamén a súa concepción das relacións entre o poder laico e o relixioso, pois mentres considera que é dereito e obrigación do poder terreal organizar a Igrexa e a sociedade, admite por outro lado a posibilidade de derrocar o grupo gobernante se este non se comporta de xeito apropiada ás ensinanzas do Evanxeo.

As relacións coa outra á do movemento reformista, encabezada por Lutero e Melanchton, vense dificultadas pola concepción que teñen ambas as partes sobre a comuñón. Estas diferenzas deveñen claramente insuperables no intento máis importante que se fai de unificar posicións, cando en outubro de 1529 o landgrave Filipe I de Hesse invitou a Zwingli e Lutero a unha discusión teolóxica (coñecida como disputa de Marburgo).

A situación política na Suíza do século XVI resultou sen dúbida determinante para o ulterior desenvolvemento da reforma zwingliana. A pesar da primeira Paz de Kappel de 1529, as tensións entre Zürich e Berna (que fora gañada por Zwingli para o seu movemento), por un lado, e os cantóns que permanecían católicos, por outro, non podía menos que estalar nun conflito político, e finalmente tamén armado, as guerras de Kappel. A opción de Zwingli era neste sentido clara: empregar as armas para estender a verdade do Evanxeo era unha obrigación de todo bo cristián.

Como tradutor da Biblia, Ulrich Zwingli traballou en estreita colaboración con Leo Jud. A tradución coñécese como A Biblia de Zürich.

O 11 de outubro de 1531 caeu Zwingli no campo de batalla, preto de Kappel am Albis.

A Reforma zwingliana

[editar | editar a fonte]

A Reforma de Zwingli, a pesar dos seus evidentes puntos de conexión con Lutero, presenta tamén características propias. Mentres o fin de Lutero era suprimir as indulxencias ou bulas (O Evanxeo vendido), Zwingli só acepta como Igrexa aquilo que aparece nas Escrituras. De aí que as igrexas reformadas sexan en gran modo igrexas da palabra, do verbo, onde non se atopa decoración ningunha (fóra de textos bíblicos), unha liturxia exigua e inicialmente tampouco música.

Monumento conmemorativo de Zwingli en Wildhaus

Teoloxía de Zwingli

[editar | editar a fonte]

A pedra angular da teoloxía de Zwingli é a Biblia. Zwingli apelou constantemente á Escritura nos seus escritos. Puxo a autoridade da mesma sobre outras fontes, tales como os concilios ecuménicos e os Pais da Igrexa, aínda non dubidaba en empregar outras fontes para apoiar os seus argumentos.[3] Os principios que guiaron as interpretacións de Zwingli derívanse da súa educación humanística e do seu entendemento, á luz da Reforma, da Biblia.[4] Modificando unha interpretación literal dunha pasaxe, puña atención ao contexto inmediato e trataba de entender o propósito detrás do mesmo. Comparou pasaxes da Escritura e usou analoxías, un método que describe en Unha exexese amigable (1527). Dúas analoxías que utilizou con bastante efectividade foron entre o bautismo e a circuncisión e entre a Pascua e a Eucaristía.[5]

Zwingli rexeitaba a palabra sacramento no modo en que se empregaba popularmente no seu tempo. Para a xente ordinaria, a palabra significaba algunha forma de acción santa na cal había un poder inherente para liberar a conciencia de pecado. Para Zwingli, un sacramento era unha cerimonia de iniciación ou unha promesa, sinalando que a palabra se derivaba de sacramentum, que significa xuramento.[6] nos seus primeiros escritos sobre o bautismo, fixo notar que o bautismo era un exemplo de tal compromiso ou promesa. Cuestionou os católicos acusándoos de superstición ao atribuírlle á auga do bautismo un certo poder para limpar os pecados. Posteriormente, no seu conflito cos anabaptistas, defendeu a práctica do bautismo de infantes, sinalando que non había lei ningunha que prohibise esa práctica. Argumentaba que o bautismo era un símbolo dun pacto con Deus, polo tanto substituía a circuncisión do Antigo Testamento.[7]

Zwingli abordaba a cuestión da Eucaristía de xeito similar ao bautismo. Durante o primeiro debate de Zürich en 1523, negou que ocorrese un verdadeiro sacrificio durante a misa, argumentando que Cristo fixo o sacrificio por unha soa vez e para toda a eternidade. En consecuencia, a Eucaristía era "un memorial do sacrificio".[8] Seguindo con este argumento, desenvolveu aínda máis o seu punto de vista, chegando á conclusión de que se deben interpretar como "significa" as palabras da institución. Usou varias pasaxes da Escritura para argumentar en contra da transubstanciación, así como o punto de vista de Lutero, sendo o texto clave Xoán 6:63, "é o espírito o que dá vida, a carne para nada aproveita". O enfoque racional de Zwingli e o uso da Escritura para entender o significado da Eucaristía foi unha razón pola que non puido chegar a un consenso con Lutero.[9] De feito, cando se reuniron os reformadores suízos cos alemáns en 1529 (Disputa de Marburgo) a instancias de Filipe de Hesse, estaban de acordo en case todos os puntos principais, agás ese. Este era un punto que Lutero non estaba dispuesto a conceder, xa que ía en contra da súa doutrina da consubstanciación. Resulta interesante constatar que tempo despois, Melanchton (discípulo de Lutero) chegou a un consenso cos reformadores suízos unha vez que a separación cos católicos era definitiva.[10]

O impacto de Lutero no desenvolvemento teolóxico de Zwingli foi durante longo tempo un tema de interese e discusión entre os eruditos zwinglianos. O propio Zwingli afirmou vigorosamente a súa independencia de Lutero. Os estudos máis recentes deron credibilidade a esta afirmación, aínda que algúns eruditos aínda afirman que a súa teoloxía dependía da de Lutero. Parecía que Zwingli lera os libros de Lutero buscando confirmación do mesmo sobre as súas propias opinións. Porén, Zwingli si admiraba bastante a Lutero por oporse ao Papa. Isto, máis que a teoloxía de Lutero, foi unha influencia clave nas conviccións de Zwingli como reformador.[11] O que Zwingli consideraba unha postura valorosa de Lutero no debate de Leipzig, tivo un impacto decisivo sobre Zwingli durante os seus primeiros anos como sacerdote, e durante este tempo Zwingli eloxiaba e promovía os escritos de Lutero para apoiar as súas propias ideas, que eran similares. Como Lutero, Zwingli era tamén un estudante e admirador de Agostiño de Hipona.[12] Os seus últimos escritos continuaron mostrando características diferentes das de Lutero, tales como a inclusión de non cristiáns no ceo, como o describe en Unha exposición da fe.[13]

Lápida conmemorativa de Zwingli en Kappel.

A Biblia de Zürich

[editar | editar a fonte]

En estreita colaboración con Leo Jud Zwingli traduciu a Biblia entre 1524 e 1529 a un alemán con marcadas características suízas. Esta tradución coñécese como a "Biblia de Zürich". Despois os teólogos de Zürich completaron a nova tradución do grego e do hebreo cinco anos antes de que Lutero traducise a Biblia. Polo tanto, a Biblia de Zürich é a tradución protestante completa máis antiga de toda a Biblia e foi impresa por Christoph Froschauer entre 1524 e 1529, quen en 1531 publicou a obra completa ricamente ilustrada.[14]

A Zwingli gustáballe escoitar música e sabía tocar varios instrumentos, incluíndo o violín, a arpa, a frauta, o dulcimer e a trompa de caza. Algunhas veces divertía os nenos da congregación co laúde e era tan coñecido polas súas interpretacións que os seus inimigos se burlaban del como "o evanxélico tanxedor do laúde e o pífano". Consérvanse tres dos himnos de Zwingli: Pestlied, unha adaptación do salmo 65 e Kappeler Lied, do que se cre que foi composto durante a campaña da primeira guerra de Kappel.

  1. O nome de pía de Zwingli era Ulrich, mais empregou tamén a forma latinizada Huldricus ou Huldrychus Zwinglius. Cando entrou na universidade de Viena (1500), latinizou o nome como Udalricus Zwingling de Lichtensteig (Jackson 1900, p. 57). A súa sinatura no coloquio de Marburg (1529) foi Huldrychus Zwinglius (Bainton 1995, p. 251; Schuler, Schultess (eds.), Huldrici Zuinglii opera, 1830, p. 55). A literatura moderna emprega "Ulrich" ou "Huldrych" (por exemplo, Potter emprega "Ulrich", mentres que Gäbler, Stephens, e Furcha usan "Huldrych").
  2. Queda o seu relato de 1512 recollido en De gestis inter gallos et helvetios ad ravennam, papiam, aliisqve logis, publicado en Rerum germanicarum scriptores aliquot insignes, Tomo III, 1717
  3. Stephens 1986, pp. 51–52
  4. Stephens 1986, p. 59
  5. Stephens 1986, pp. 64–66
  6. Stephens 1986, pp. 180–185
  7. Stephens 1986, pp. 194–206
  8. Huldreich Zwinglis Sämtliche Werke, Vol. I, 460.6-10, citado en Stephens 1986, p. 219
  9. Stephens 1986, pp. 218–250
  10. La Era de los Reformadores, p.96, por Justo L. González, 2.ª Edición 1989, Ed. Caribe
  11. Stephens 1986, p. 22
  12. Stephens 1986, p. 17
  13. Stephens 1986, pp. 48-49
  14. Sigmund Widmer: 1484 – Zwingli – 1984. Sonderausgabe der im Buchhandel 1983 erschienene Ausgabe; Zürich: Theologischer Verlag, 1984; S. 71.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]