John Atta Mills
John Evans Atta Mills, nado o 21 de xullo de 1944[1] en Tarkwa, daquela Costa de Ouro e na actualidade Ghana e finado en Accra o 24 de xullo de 2012, foi un político ghanés, presidente da república desde 2009 ata a súa morte.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou o bacharelato nunha escola elitista en Accra e logo licenciouse en Dereito pola Universidade de Ghana, na mesma capital, en 1967. Foi escollido como bolseiro para realizar estudos de posgrao en Dereito na Escola de Estudos Orientais e Africanos de Londres. En 1971, despois de estudar parcialmente nos Estados Unidos, remata a súa tese sobre impostos e desenvolvemento económico, e regresa a Ghana para dar clases na facultade de dereito onde el estudara. Durante máis de trinta anos ocupa ese posto de profesor universitario, grazas ao que produce a maior parte dos seus libros, centrados nos impostos.
Militante do NDC, o principal partido socialdemócrata de Ghana, foi escollido polo exgolpista Jerry Rawlings como vicepresidente durante o seu segundo mandato, entre 1997 e 2001, e posteriormente designado por este para concorrer as presidenciais de 2000, onde foi derrotado polo opositor John Kufuor (48,4% fronte a 44,8% na primeira volta e 56,9% fronte a 43,1% na segunda). Volveuse presentar como candidato socialdemócrata nas presidenciais de 2004, e foi derrotado por Kufour por 52,5% fronte ao 44,6% xa na primeira volta.
En 2006 é escollido polo seu partido de novo como candidato ás eleccións presidenciais de 2008, polo 81.4% das bases (1.362 votos), moi por diante dos seus opoñentes, Ekwow Spio-Garbrah, Alhaji Mahama Iddrisu, e Eddie Annan[2]. Nos comicios celebrados en 2008 para substituír a John Kufuor, foi derrotado polo candidato liberal Nana Akufo-Addo por un 49,1% fronte ao 47,9% na primeira volta; porén, na segunda foi capaz de aumentar a participación e agrupar o voto dos pequenos candidatos e superou por unha estreita marxe o candidato liberal: 50,2% fronte ao 49,8%.
Tomou posesión do seu cargo o 7 de xaneiro de 2009.
Predecesor: Kow Nkensen Arkaah |
Vicepresidente de Ghana 1997 - 2001 |
Sucesor: Aliu Mahama |
Predecesor: John Kufuor |
Presidente de Ghana 2009 - 2012 |
Sucesor: John Dramani Mahama |
Obra
[editar | editar a fonte]- Taxation of Periodical or Deferred Payments arising from the Sale of Fixed Capital (1974)
- Exemption of Dividends from Income Taxation: A Critical Appraisal (1977)
- Report of the Tax Review Commission, Ghana, parts 1, 2 & 3 (1977)
- Ghana's Income Tax Laws and the Investor (1978)[3]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Foi xogador de hóquei sobre herba e chegou a disputar un partido coa selección do seu país.
Estivo casado con Ernestina Naadu Mills, e tivo un fillo, Sam Kofi Atta Mills.[4]
É cristián metodista e amigo persoal do telepredicador T.B. Joshua, un dos líderes relixiosos máis importantes de Ghana.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ghana Review. "Professor John Evans Atta Mills" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 30 de xaneiro de 2009.
- ↑ NDC CONGRESS RESULTS-Prof Wins, Modernghana.com, 22/12/2006.
- ↑ Curriculum Vitae, Prof. John Evans Atta Mills, 1 July 2007, Internet Archive.
- ↑ BBC News, ed. (3 xaneiro 2009). "Profile: Ghana President John Atta Mills" (en inglés). Consultado o 24 xullo 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web do goberno de Ghana
- Professor John Evans Atta Mills 2008, web electoral.