Monte Porreiro, Mourente, Pontevedra
Monte Porreiro | |
---|---|
Entrada a Monte Porreiro | |
Parroquia | Mourente |
Concello | Pontevedra |
Coordenadas | 42°26′47″N 8°37′25″O / 42.44638889, -8.62361111 |
Poboación | 8.000 hab. (2022) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Monte Porreiro é un lugar da parroquia de Mourente e un barrio residencial da cidade de Pontevedra. É a sede da Universidade Nacional de Educación a Distancia na provincia de Pontevedra. O barrio conta cun centro de saúde, un colexio e un instituto e unha igrexa parroquial desde finais do século XX, sendo o seu patrón o Bo Pastor. Tamén hai zonas verdes, entre as que destaca o Parque do Miradoiro.
Localización
[editar | editar a fonte]Monte Porreiro é un barrio situado no nordés da cidade. Limita ao norte e ao oeste co río Lérez, ao leste co lugar de Mourente e ao sur co barrio da Seca.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome de Monte Porreiro ten a súa orixe nas pendentes do terreo do lugar. Porreiro ven de porro-porrera que significa costas abundantes e o nome do barrio de Monte Porreiro refírese a un "monte con costas abundantes".[1]
Historia
[editar | editar a fonte]A principios do século XX, en 1900, Casimiro Gómez, un adiñeirado terratenente, comprou en Monte Porreiro unha propiedade de 70 hectáreas, antiga leira de San Antonio Abad, á que chamou Villa Buenos Aires.[2] Chamouna así pola súa estreita relación coa Arxentina, onde fixera fortuna.[3] Converteuna nunha fermosa e rica explotación agropecuaria onde pasaba as súas vacacións. Cultivaba viñedos e froiteiras, reservando unha grande extensión de terreo para a cría de gando. Os produtos da leira recibiron importantes premios nas diferentes exposicións ás que concorreron.
Para rendibilizar ao máximo a riqueza dos mananciais mineromedicinais do contorno da leira, levou a cabo un proxecto de creación dun balneario.[4] A alta sociedade pontevedresa de principios do século XX asistiu á inauguración das Termas do Lérez o 22 de agosto de 1906.[5] O establecemento hostaleiro e termal creado en 1906 por Casimiro Gómez foi punto de encontro de influentes políticos, aristócratas e membros da realeza da época, que aproveitaban as augas medicinais (augas dos mananciais de Monte Porreiro e Aceñas) e os camiños que rodeaban esta leira hoxe desaparecida. Casimiro Gómez comercializaba as augas minerais baixo a marca Augas Lérez en botellas para consumo doméstico que se vendían en países como Estados Unidos, Inglaterra, Exipto, India e Australia. En 1907, a marca recibiu varios premios e o propio rei Afonso XIII felicitou a Casimiro Gómez pola súa gran calidade. Ese mesmo ano concedéuselle o título de provedor da Casa Real española.[6] A infanta Elena, que visitou o balneario en 1914, o marqués de Riestra, Eugenio Montero Ríos, Cobián Roffignac e o ministro José Canalejas, entre outros, foron visitantes ilustres do balneario.[7]
Cando estalou a primeira guerra mundial, Casimiro Gómez regresou a Arxentina para converterse en provedor dos países participantes na Gran Guerra. Regresou a Monte Porreiro ao termo da primeira guerra mundial, pero a moda dos balnearios pasara e a actividade da leira reorientouse cara a unha granxa experimental.[8] Na súa propiedade construíu un dos primeiros campos de tenis de Galicia.[9]
O barrio de Monte Porreiro foi desenvolvido con base nun Plano Parcial derivado do Plano Xeral de 1968, no cal a antiga gran propiedade Buenos Aires foi incluída como solo de reserva residencial. En 1969 presentouse unha maqueta do que entón se denominaba a xigantesca urbanización de Monte Porreiro, na que se proxectaban máis de 2.000 vivendas de distintos tipos nunha superficie de 68 hectáreas. Na década de 1970 comezou a ordenación e o desenvolvemento urbanístico de Monte Porreiro, coa construción de varios chalés na rúa Reino Unido, ós que seguiron modernas torres ladeira arriba .[10]
En 1973 inaugurouse en Pontevedra a sede do Centro Rexional da Universidade Nacional de Educación a Distancia, que en 1987 trasladouse ao barrio.[11]
En 20 anos os campos de cultivos e pastos convertéronse nun barrio dormitorio moi preto do núcleo urbano, construíndose unha gran parte dos edificios do barrio nos anos 80. En novembro de 1988 inaugurouse no barrio o IES Luís Seoane.[12]
En novembro de 1995, publicouse o anuncio para a construción do centro de saúde de Monte Porreiro, inaugurado en 1997.[13]
A igrexa parroquial católica do Bo Pastor inaugurouna Julián Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela, o 9 de outubro de 2010. A súa planta ten forma de cuncha de vieira.[14]
En 2011 inaugurouse a nova ponte sobre o río Lérez, a ponte da Palabra, que une o barrio coa parroquia de Lérez e o mosteiro de San Salvador de Lérez.[15]
Desde 2020, o parque da praza de Europa conta cunha tirolesa de 20 metros de lonxitude.[16] En maio de 2020 o concello de Pontevedra creou un Metrominuto para o barrio.[17]
Urbanismo
[editar | editar a fonte]Monte Porreiro é un barrio da periferia de Pontevedra, situado ao nordés do centro da cidade. Esténdese ao longo do río Lérez. As rúas do barrio levan nomes de países europeos: Francia, Suecia, Dinamarca, Países Baixos, Reino Unido, Portugal, Luxemburgo, Irlanda, Alemaña, Bélxica e Grecia. A praza central é a praza de Europa.
Ao oeste do barrio atópase o Parque do Miradoiro e ao leste o Parque da UNED, que formaban parte da vila "Buenos Aires", cuxo propietario era Casimiro Gómez.[18]
Moi preto do barrio, río abaixo, atópase a praia do Lérez.
Instalacións
[editar | editar a fonte]A sede do Centro Asociado da UNED de Pontevedra (creado en 1973) atópase no barrio desde 1987. Entre os centros educativos destacan o IES Luís Seoane, o Colexio Marcos Portela, a Escola Infantil Fina Casalderrey e a Gardería A Galiña Azul.
Tamén hai un centro de saúde e unha igrexa parroquial, e as instalacións deportivas inclúen un campo de fútbol e rugby.
Preto do barrio atópase o apeadoiro de Pontevedra-Universidade.
Festividades e actos culturais
[editar | editar a fonte]As festas do barrio teñen lugar todos os anos ao redor dos días 4 e 5 de maio e dedícanse ao santo patrón de Monte Porreiro, o Bo Pastor.[19][20][21]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Igrexa do Bo Pastor
-
Lateral da igrexa
-
Pista de xincana
-
Pérgola desde o interior do miradoiro
-
Vista xeral do interior da igrexa parroquial
-
Bancos xunto ao miradoiro
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mateo Sanz 2020, p. 12
- ↑ "El pasado olvidado de Monte Porreiro". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 2021.
- ↑ "La Granja de Casimiro Gómez". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xuño de 2016.
- ↑ "La aventura termal de Casimiro Gómez". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de febreiro de 2010.
- ↑ "Siglo y medio de turismo termal". Diario de Pontevedra (en castelán). 22 de setembro de 2022.
- ↑ "La imparable decadencia del balneario pontevedrés que llegó a servir agua a la Casa Real". Pontevedra Viva (en castelán). 19 de febreiro de 2022.
- ↑ "Así eran las botellas de agua mineral-medicinal del Balneario del Lérez". Pontevedra Viva (en castelán). 4 de abril de 2021.
- ↑ "El Concello se hace cargo de los jardines de la Uned para su apertura al público". Faro (en castelán). 23 de outubro de 2021.
- ↑ "Un fastuoso complejo del que un siglo después solo sobrevive parte del templete". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xaneiro de 2010.
- ↑ "La época de mayor auge urbanístico de la ciudad fueron los años 80". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xuño de 2017.
- ↑ "UNED Pontevedra 45 años de historia" (PDF). UNED (en castelán). 2 de outubro de 2018.
- ↑ "Inauguración del nuevo Instituto de Monte Porreiro". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de novembro de 2017.
- ↑ "RESOLUCIÓN de 15 de noviembre de 1995, de la Dirección General de Recursos Económicos, por la que se anuncia contratación, por el sistema de concurso público y procedimiento abierto, de la obra de construcción de un centro de salud en Monteporreiro (Pontevedra).". Diario Oficial de Galicia (en castelán). 29 de novembro de 1995.
- ↑ "Monte Porreiro estrena iglesia después de veinte años de espera" (en castelán). 9 de outubro de 2010.
- ↑ "El puente de Monte Porreiro supera la prueba de carga de 400 toneladas" (en castelán). 24 de decembro de 2012.
- ↑ "Monte Porreiro contará con una tirolina de 20 metros de largo" (en castelán). 2 de xaneiro de 2020.
- ↑ "El barrio de Monte Porreiro estrena su propio Metrominuto" (en castelán). 30 de maio de 2020.
- ↑ "El Concello se hace cargo de los jardines de la Uned para su apertura al público". Faro (en castelán). 23 de outubro de 2021.
- ↑ "Fiestas del Buen Pastor". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de maio de 2007.
- ↑ "Monte Porreiro rescata sus fiestas patronales tras un parón de siete años". Diario de Pontevedra (en castelán). 29 de abril de 2019.
- ↑ "Monte Porreiro recupera sus fiestas tras dos años de pandemia". Diario de Pontevedra (en castelán). 30 de abril de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Monte Porreiro, Mourente, Pontevedra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mateo Sanz, Gonzalo (2020). "La naturaleza en la toponimia española VII". Flora Montibérica (Valencia: FloraMontiberica.org) (77): 3–12. ISSN 1138-5952.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Parque do Miradoiro
- Centro Asociado da UNED de Pontevedra
- Campo Municipal de Monte Porreiro
- Ponte da Palabra
- Río Lérez
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Centro de saúde de Monte Porreiro
- Proxecto de reurbanización do barrio de Monte Porreiro
- Asociación El Mirador
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Mourente
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Mourente no concello de Pontevedra | |
---|---|
Areás | A Bouza | Os Campos | Carabelos | Casas Novas | Condesa | Cons | Eirós | Freixeiro | A Laxe | Moldes | Monte Porreiro | O Monte | Mourente | O Outeiro | O Pazo | A Raxeira | San Amaro | Santa Margarida | Vilaverde |