Museo Paul Tétar van Elven (Delft)
Museo Paul Tétar van Elven | |
---|---|
Fachada do Museo Paul Tétar van Elven, en Delft. | |
Coordenadas | 52°00′35″N 4°21′31″L / 52.009722, 4.358611 |
País | Países Baixos |
Cidade | Delft |
Visitantes | 6.800 (2006) |
Na rede | |
http://tetar.nl/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Museo Paul Tétar van Elven é unha pinacoteca situada no número 67 da rúa Koornmarkt, ao pé da canle Neuwe Delft, da cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos.[1][2]
A casa familiar de Paul Tétar van Elven
[editar | editar a fonte]O edificio que o alberga é unha casa familiar do século XVI, construída pouco despois do grande incendio de Delft de 1536, con fachada simple de ladrillo e fiestras arqueadas, de tres andares mais un faiado, que foi restaurada en diversas ocasións ao longo do tempo. En 1967 foi recoñecida como monumento nacional dos Países Baixos (Rijksmonument).[3]
Coñécese unha restauración do edificio en 1674, cando se lle anexou unha estreita calella que corría pola súa parte esquerda. Xa no século XVIII dividíronse varios cuartos e construíronselle varios corredores.[4]
O 7 de xaneiro de 1864 a casa foi comprada para a súa residencia familiar por Paul Constantin Dominique Tétar van Elven, pintor da academia holandesa, coleccionista de pintura e de cerámica, copista e profesor da Escola Politécnica de Delft, precursora da actual Universidade de Tecnoloxía de Delft (TU Delft). Tétar non modificou a fisonomía externa do edifico, pero si o interior, decorando da súa man a parte superior das portas e encargándolle ao pintor Abraham Gips a pintura do teito do salón.
Tétart dispuxo que á súa morte (que se produciu en 1896) quedase como legado para a comunidade o propio edificio, os seus traballos e a súa colección, coa condición de que, tras o pasamento da súa viúva, se convertesen nun museo na súa memoria. A súa segunda esposa, Mechelina van Duuren, faleceu en 1926 e, xa en 1927, cumpriuse a súa derradeira vontade coa apertura ao público do museo, logo dun acondicionamento profundo do seu interior.[5][6]
O museo
[editar | editar a fonte]No museo pódense atopar mostras da maioría do traballo de Tétar van Elven, desde pezas históricas a retratos e copias de vellos mestres. Ademais, a exposición compleméntase con pinturas de contemporáneos e cunha colección de antigüidades e curiosidades de séculos anteriores, incluíndo unha gran colección de porcelana oriental e de louza de Delft, mobles, disfraces e armas.[7]
O interior do edificio do museo está conisderado como un dos cen mellor conservados dos Países Baixos. Isto permítelle amosarlle ao visitante unha boa impresión do gusto e da forma de vida da burguesía do século XIX.
O museo ofrece visitas didácticas guiadas e actividades educativas, como charlas e obradoiros, para grupos de alumnado, que son gratuítas para os menores de 18 anos.[8] Nas súas salas son tamén frecuentes diversas actividades culturais, como exposicións temporais ou concertos de música.
O Museo Paul Tétar van Elven atraía na primeira década deste século uns 6.800 visitantes anuais, aproximadamente.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Museum Paul Tétar van Elven". No sitio web do Concello de Delft (en neerlandés)
- ↑ "Museum Paul Tétar van Elven". Informacións prácticas: enderezo, horarios, prezos, etc. (en neerlandés)
- ↑ Ficha do edificio no Rijksmonumentenregister Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (en neerlandés)
- ↑ Información sobre o edificio Arquivado 16 de abril de 2016 en Wayback Machine. en ArchitectuurgidsDelft.nl (en neerlandés)
- ↑ "Paul Tetar van Elven (1823-1896) Arquivado 03 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web do museo (en inglés)
- ↑ "The house of Paul Tetar van Elven. A gem at the canal Arquivado 03 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web do museo (en inglés)
- ↑ "The collection Arquivado 24 de outubro de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web do museo (en inglés)
- ↑ "Educatie in het museum Arquivado 12 de abril de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web do museo (en inglés)
- ↑ "Bezoekersaantallen 2001-2006". Jaarverslag 2006[Ligazón morta].Delft Marketing, páxina 4 (en neerlandés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo Paul Tétar van Elven |