Finlandia (en finés: Suomi, en sueco: Finland ( pronunciación (axuda · info))), oficialmente República de Finlandia ( pronunciación (axuda · info)) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia. A capital e maior cidade do país é Helsinqui.
No ano 2009, Finlandia tiña unha poboación de 5,3 millóns de habitantes nunha área de 338.145 quilómetros cadrados. A meirande parte da poboación do país atópase no extremo sur, na costa do golfo de Finlandia e proximidades. Finlandia é o sexto país máis grande de Europa en termos de área, e conta cunha baixa densidade de poboación de 15,5 habitantes por quilómetro cadrado, o que o converte no país menos densamente poboado dentro da Unión Europea. A maioría dos finlandeses falan o finés como a súa lingua materna, a cal é unha das poucas linguas oficiais da Unión Europea que non descenden da familia indoeuropea. A segunda lingua oficial de Finlandia é o sueco, o cal é lingua materna dun 5,5% da poboación nacional.
Previamente Finlandia foi parte de Suecia e dende 1809 a 1917, cando obtivo a súa independencia, o país foi o autónomo Gran Ducado de Finlandia como parte da Rusia Imperial. Hoxe en día, Finlandia é unha república, parlamentaria e democrática. O país é membro das Nacións Unidas e da Unión Europea dende 1995. A economía de Finlandia é unha das máis prosperas do continente, baseándose nos importantes sectores de servizos así como de manufactura. No país existe un estado de benestar así como unha política altamente democrática e con niveis sumamente baixos de corrupción. O país conta co euro como moeda oficial dende o 28 de febreiro de 2002, substituído ao marco finlandés.
|
Artigo destacado
editar
A guerra de Inverno (en finés: talvisota; en sueco: vinterkriget; en ruso: Зимняя война, (Zimniaia voina)) foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda Guerra Mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.
Os soviéticos tiñan tres veces máis soldados que os fineses, trinta veces máis avións, e cen veces máis tanques. O Exército Vermello, porén, fora paralizado pola Gran Purga de Iosif Stalin de 1937, reducindo a moral e a eficacia do exército pouco tempo antes do inicio da guerra. Con máis de 30.000 dos seus oficiais executados ou presos, incluídos moitos altos mandos, o Exército Vermello en 1939 tiña moitos oficiais de nivel medio e alto inexpertos. Debido a estes factores, e a alta moral das forzas finesas, Finlandia foi capaz de resistir a invasión soviética moito máis tempo do que os soviéticos agardaban.
As hostilidades remataron o 13 de marzo de 1940 coa sinatura do Tratado de paz de Moscova. Finlandia cedeu o 11% dos seus territorios previos á guerra e o 30% dos seus activos económicos á Unión Soviética. As perdas no Exército Vermello foron moi altas, e a reputación internacional do país sufriu. As forzas soviéticas non cumpriron o seu obxectivo de conquistar completamente Finlandia, pero gañaron terreo substancial ao longo do lago Ladoga e territorio no norte do país. Os fineses, porén, conservaron a súa soberanía e melloraron a súa reputación internacional.
Cidade destacada
editar
Helsinqui (en finés: Helsinki (axuda · info), en sueco: Helsingfors (axuda · info)) cuns 628.000 habitantes, é a capital da República de Finlandia e a maior cidade. Está situada na costa sur do mesmo país, á beira do Golfo de Finlandia. Foi fundada no 1550 polos suecos. En 1809 pasou a mans rusas, ata 1917, data da independencia do país.
En 1952 foi sede olímpica dos Xogos de verán, dos que saíu reforzada no panorama deportivo mundial. No agosto de 2005 acolleu o Campionato Mundial de Atletismo. Como atracción turística atópase a catedral de Uspenski (1868), deseñada por Alexander Gornostayev, de grande valor artístico. Tamén é digna de ver o conxunto neoclásico da Praza do Senado, na parte antiga da cidade.
En 2000 foi elixida Cidade Europea da Cultura, e celebrou o seu 450º aniversario.
Divisións administrativas
Categorías
editar
Queres atopar artigos relacionados con Finlandia? Proba buscando nas seguintes categorías:
Biografía destacada
editar
Maija Sofia Isola, nada en Riihimäki o 15 de marzo de 1927 e finada na mesma cidade o 3 de marzo de 2001, foi unha deseñadora téxtil finlandesa, creadora de máis de 500 deseños, incluído Unikko (Papoula). Os seus atrevidos e coloridos deseños fixeron famosa a compañía de mobiliario e deseño Marimekko na década de 1960. Tamén fixo carreira como artista visual.
Isola expuxo en toda Europa, incluíndo a Exposición Mundial de Bruxelas e Triennale de Milán, así como nos Estados Unidos. As retrospectivas do seu traballo foron expostas no Museo do Deseño de Helsinqui, o Victoria and Albert Museum de Londres, o Museo do Deseño de Copenhague, o Museo Etnográfico Esloveno de Liubliana e o Minneapolis Institute of Arts. Os seus deseños seguen a venderse en Marimekko.
Viviu e traballou a maior parte da súa vida en Finlandia, mais pasou algúns anos en Francia, Alxeria e os Estados Unidos. Casou tres veces, e a súa filla Kristina Isola tamén se converteu en deseñadora de Marimekko, durante un tempo colaborando con Maija. A súa neta Emma tamén deseña para para a compañía finlandesa.
Imaxe destacada
Sabías que...?
Artigos de calidade e bos
Proxectos relacionados
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|
|
|