Saltar ao contido

Ulrich Beck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaUlrich Beck

(2012) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento15 de maio de 1944 Editar o valor en Wikidata
Słupsk, Polonia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte1 de xaneiro de 2015 Editar o valor en Wikidata (70 anos)
Múnic, Alemaña Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinfarto agudo de miocardio Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Múnic
London School of Economics Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoSocioloxía Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Múnic Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónsociólogo, profesor universitario, economista Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Múnic
Universidade de Münster
London School of Economics Editar o valor en Wikidata
Membro de
AlumnosMarc Krautzberger (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeElisabeth Beck-Gernsheim Editar o valor en Wikidata
Premios

BNE: XX1221466 Dialnet: 266226 WikiTree: Beck-9938

Ulrich Beck, nado en Stolp o 15 de maio de 1944 e finado en Múnic o 1 de xaneiro de 2015, foi un sociólogo alemán, profesor da Universidade de Múnic e da London School of Economics.[1]

Estudou aspectos como a modernización, os problemas ecolóxicos, a individualización e a globalización. Nos seus últimos anos embarcouse tamén na exploración das condicións cambiantes do traballo nun mundo de crecente capitalismo global, de perda de poder dos sindicatos e de flexibilización dos procesos do traballo, unha teoría arraigada no concepto de cosmopolitismo. Tamén contribuíu con novos conceptos á socioloxía alemá, incluída a chamada «sociedade do risco» e a «modernidade reflexiva».

Características da "sociedade do risco"

[editar | editar a fonte]

Beck define a sociedade do risco como a fase de desenvolvemento da sociedade moderna onde os riscos sociais, políticos, económicos e industriais tenden cada vez máis a escapar das institucións de control e protección da sociedade industrial.

Pódense distinguir oito características destacadas:

  1. Os riscos causan danos sistemáticos a miúdo irreversibles.
  2. A repartición e o incremento dos riscos seguen un proceso de desigualdade social.
  3. Risco, negocio con dobre causa; risco e oportunidades de mercado.
  4. Hai un baleiro político e institucional. Os movementos sociais son a nova lexitimación.
  5. As fontes que daban significado colectivo aos cidadáns están en proceso de "desencantamento".
  6. Nas novas sociedades recae no individuo un proceso de "individualización" a través dunha desvinculación das formas tradicionais da sociedade industrial e unha revinculación con outro tipo de modernización.
  7. As fontes colectivas que dan significado á sociedade esgótanse, e o individuo busca de xeito independente unha identidade na nova sociedade. "En situacións de clase, o ser determina a conciencia, mentres que en situacións de risco é ao revés, a conciencia determina o ser".
  8. Retorno da incerteza; risco como recoñecemento do impredicible e das ameazas da sociedade industrial. Na sociedade reflexiva, a sociedade convértese nun problema para ela mesma. A sociedade reflexiva convértese nun concepto postindustrial no cal non pensaran os clásicos como Max Weber.

O seu pensamento

[editar | editar a fonte]

Pódese ver como ao longo das súas obras Beck se sitúa nunha posición crítica, enfrontándose ás correntes do posmodernismo. Desta maneira, e xunto con Giddens, Bauman e Scott Lash, defende a socioloxía reflexiva, para non abandonar a análise crítica fronte aos problemas actuais. Beck achégase aos problemas da nova sociedade, que non son os mesmos que describía a socioloxía das sociedades precedentes, e atopa unha fonte de incerteza, inseguridade e riscos. A sociedade posmoderna asume unha carga de risco na súa propia identidade que encerra unha grave contradición: o perigo de supervivencia da especie. A "rendibilidade" do sistema corre o risco da incerteza; non parte da asunción da seguridade e dun escenario sustentable en termos ecolóxicos, senón que coñece que existen marxes de perigo para a especie cunha cobertura que non é, paradoxalmente, prioritaria nun sistema guiado pola obtención de beneficios e unha representación retórica da racionalidade que oculta a racionalidade. Os medios de comunicación teñen un papel moi importante na representación dos riscos e a procura de solucións, aumentando o poder e o control social. O pensamento de Beck está marcado polas constantes dunha sociedade sometida a fortes riscos e a procesos de individualización. Para el a actualidade fórmase coas noticias das catástrofes ecolóxicas, as crises financeiras, o terrorismo, as guerras preventivas.

Beck distingue unha primeira modernización, que discorre ao longo da industrialización e a creación da sociedade de masas, dunha "segunda modernización", propia dunha sociedade que tende á globalización e está en constante desenvolvemento tecnolóxico. Na era industrial a estrutura cultural e social era a familia, pero logo ese núcleo rompe dando lugar á individualización, aumentándose a incerteza do individuo na sociedade de risco. Parece ser que isto é produto do neoliberalismo económico, e non só afecta o plano persoal, senón tamén ás institucións.

Con respecto ao seu pensamento no campo da política, di que non é preciso redactar novas normas, senón que hai que adaptar as existentes á realidade social e ás necesidades do momento. Débese, segundo Beck, contrarrestar o excesivo peso do mercado e os seus efectos, e ampliar o círculo social e cultural do individuo, co obxectivo de alcanzar un equilibrio e diminuír a incerteza. Ademais, ve necesario que os antigos estados nacionais cambien e comecen un proceso de cohesión internacional e cooperación, recoñecendo a diversidade e individualidades, para poder abordar preparados esta segunda modernidade.

Recepción e crítica

[editar | editar a fonte]

Aínda que Ulrich Beck foi un dos pioneiros en adaptar o asunto do risco ás categorías sociolóxicas existentes, algúns autores critican a súa postura por considerala "alarmista". Niklas Luhmann suxire que Beck non distingue conceptualmente a diferenza entre ameaza e risco. Mentres a primeira é imposta ao suxeito sen ningunha posibilidade de evitar os seus efectos, o risco atópase determinado por unha decisión previa por medio da cal os seus efectos poden ser evitados (continxencia). Os que na vida real toman as decisións nunca enfrontan os riscos.[2] Anthony Giddens, pola súa banda, prefire desenvolver unha idea de risco asociado á fiabilidade. O suxeito non coñece a complexidade do mundo circundante nin as posibles consecuencias das súas decisións. Pode decidir entregarse á "divindade" anulando todos os riscos, ou confiar no sistema experto tomando a decisión e xerando un risco.[3] Cass Sunstein argumenta que vivimos en sociedades onde os riscos parece que se multiplicaron, mais iso débese a certos rumbos cognitivos que maximizan certas situacións á vez que minimizan outras. Para Sunstein, a diferenza de Beck, existen os riscos obxectivos, que deben ser suxeitos a planificación rigorosa, e os riscos subxectivos, a maioría deles construídos irracionalmente.[4]

  1. "Murió el prestigioso sociólogo alemán Ulrich Beck". Deutsche Welle (en castelán). 3 de xaneiro de 2015. Consultado o 3 de xaneiro de 2015. 
  2. Luhmann, N. 2006. Sociología del Riesgo. México, Universidad Iberoamericana.
  3. Giddens, A. 1990. The Consequences of Modernity. Stanford, CA: Stanford University Press.
  4. Sunstein, C. 2006. Riesgo y Razón: Seguridad, ley y medio ambiente. Buenos Aires, Editorial Katz

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]